Toño Figueroa, descendente da última aristocracia do país, mantén na madurez unha dobre vida na intimidade da súa memoria. Lembra a diario as súas primeiras veces e habita sen descanso a pasada mocidade. Móvese con cinismo e incredulidade no convulso ambiente político da Galicia do posfranquismo. Ata que Toño e os seus amigos chegan á solitaria praia de Calabarda, onde se pode ser libre dun xeito novo: sen roupa. Nun extremo da praia, os arqueólogos descobren un castro ancestral. Noutro, os veciños soñan con leiras de millo en que agromen os chalés. E no medio, Toño únese a unha grea de nudistas dispostos a todo para manteren os seus coiros ao sol. Un retrato irónico e irreverente da contraditoria Galicia de comezos da década de 1980 a través das aventuras sexuais dun crápula tan cínico como tenro.
Manuel Gago (Palmeira, Ribeira, 1976) é vilego, da Pobra do Caramiñal. Dirixe «culturagalega.gal», a plataforma de divulgación do Consello da Cultura Galega, e é profesor de Comunicación na Universidade de Santiago de Compostela. Como divulgador científico e histórico, leva promovido numerosos proxectos de posta en valor do patrimonio cultural e comisariado exposicións nas cales explora a confluencia entre cultura e tecnoloxía. Ensaísta e narrador, publicou Herdeiros pola forza. Poder, patrimonio cultural e sociedade na Galicia do século XXI e os libros de ficción Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia (Xerais, 2013, 2015) e O anxo negro (Xerais, 2016), O exército de fume (Xerais, 2018).
Malia que á tentativa de achegarse en pequenos fragmentos á narrativa erótica en galego hai que recoñecerlle un mérito de seu, o xénero da obra resulta desconcertante. Como noutras novelas do autor volvo pensar que lle sobran páxinas e non sei ben onde buscar culpabilidades. Quitando algún parágrafo aquí e alá que son de gran calidade, polo xeral ten un ritmo irregular e un enfiado difícil de considerar como novela; é como unha novela patchwork.
Pareceume moi itneresante coñecer máis sobre a chegada do movemento nudista a Galicia, á vez que nos imprime as gañas de vivir dunha xeración farta de ataduras. Tamén destaco a capacidade de mostrar a permanente dicotomía de Galicia e dos galegos. Manuel Gago é unha voz a ter moi en conta
gustoume moitisimo, un dos mellores libros que lin en galego, os derradeiros capitulos non me interesanron tanto pero bo , o final esta ben , moi boa historia