É Rosa Enríquez quen de mudar de pel en cada poemario que nos ofrece. Ben que pasan ciclos solares completos entre unha e outra entrega mais a criatura que tes nas mans, persoa lectora, é outro xiro arredor do sol. Se cadra, un xiro á inversa, uns cantos pasos cara atrás para recuperar a historia mitolóxica que deixou as mulleres nun silencio turbio e coa intención de contalas doutra maneira. Iso fai Rosa Enríquez: volve, como Orfeo, para tratar de recuperar a Eurídice; mais non unha Eurídice submisa e que vacila, que cambalea e non consegue volver ao mundo dos seres vivos. A poeta xira ese mundo mitolóxico da submisión feminina e reverte os protagonismos. As vacastras, as fillas das minotauras, as mulleres metade besta (que xa non vestais nin rendedoras de tributos) e metade femia humana. Ou o que lles pete. Porque nelas hai unha forza que provén dese alimento de carraxe que lles deron o esquecemento e a innacción dos séculos. Di a poeta nun verso que "todo delirio permite certa desproporción" e podemos afirmar que este poemario é desproporcionado na súa feitura: un torrente de ideas e de discursos que actúa como un corifeo crítico -e críptico, case hermenéutico, moitas das veces- mesmo agresivo, que emprega a solvencia lingüística da autora para crear unha glosolalia descompensatoria. Francés, español, latín, enléanse co galego para que as novas nautas, aquelas que abandonaron a Xasón e seguiron o seu camiño liberador porque "no medio do poema respiran insobornábeis/ a rabia o descontento a carencia".