Cando a Xunta sacou o bono cultura merquei, entre outros, este libro. Non o coñecía, vino na libraría, a portada encantoume e o argumento atrapoume.
Disfrutei todos os relatos que o compoñen. Descubrín lugares e historias, algunhas incluso difíciles de crer. Non sei cantas veces lle dixen á miña parella "no libro que estou lendo contan...". Dá moitas pinceladas de moitos temas, tanto concretos dos lugares como alleos, ao relacionalos na introdución do relato.
Previo a cada un deles hai un prefacio cun anaco de grandes novelas que, salvo os discursos dos presidentes dos USA, me deron todos ganas de ler.
Hai varios peros que non quero deixar pasar e que explican por que tres estrelas. Hai varios erros de edición, non son graves, pero son varios e son molestos.
Os relatos, inda que como xa dixen me pareceron moi interesantes, fixeronseme bastante curtos. Nalgúns deles a introdución é máis longa que a historia do lugar. E son lugares que dan pra escribir un libro! Noutros sentín que o autor só quería dicirnos: mira, este lugar existe. E nada máis.
A edición é bonitísima e ten fotos, claro, ao inicio de cada relato, do lugar do que nos vai falar. Pero a maioría de fotos non axudan case nada, non se aprecia ben o lugar e ao final case sempre tiven que buscalos en internet pra facerme unha idea de como eran. Un pouco molesto, porque hai moitas fotos deses lugares millores cas que se escolleron, eu creo.
E por último, todas as historias teñen a mesma estrutura. Idéntica! Sacoume un pouco de quicio iso, deume a sensación de que lle faltaba un pouco de traballo ao libro.
E nada máis, foi unha lectura amena, agradable, divertida, aprendín un montón de cousas e descubrín un montón de sitios aos que non sabía que quería ir. Creoume un montón de necesidades novas.