A min personalmente non me gusta puntuar os libros de non-ficcion, xa que os criterios que uso para puntuar o resto dos libros que leo non están presentes neste tipo de literatura. Agora ben, si podo dicir se o recomendaría ou non, e a resposta téñoa ben clara:
Non compredes este libro.
Hai que dicir que é unha obra escrita nos anos 70, e que a visión da literatura de hoxe en día pouco ten que ver co que se consideraba entón “literatura”. Un claro exemplo disto é a clasificación de obras que aparece na primeira das tres partes nas que está dividido o libro. Esta clasificación conta, entre outras, coas seguintes taxonomías: a) novela de carácter literario, b) obras clásicas, e c) novelas cursis y populares. Creo que se ve perfectamente o que quero dicir.
Outra das cousas que me chirría neste libro é que, en 112 páxinas, non se fai referencia a unha soa muller. No ámbito literario iso é prácticamente imperdoable. E nos anos 70… non, non ten pase.
Tamén me parece que ten un problema de base. Esta persoa escribe un libro que se chama Cómo leer un libro, pero non o ten claro nin el. Xa comeza dicindo que a lectura só está ao alcance de uns poucos. É tremendamente pretencioso, pero claro, separando as novelas de carácter literario das cursis e populares pois que lle imos pedir. O caso é que afirmando que se non les un “libro” con un certo grao de criticismo estaslle facendo un “disservice” á obra. De novo, volvemos á diferenciación conservadora de “alta literatura” e “baixa literatura”, é dicir, un problema de base. Ademais, a última sección deste libro é sobre a lectura dos xéneros non literarios, e céntrase na televisión e no xornalismo. O señor Gregorich estaría máis disposto a aceptar Las Chicas de Oro como literatura antes da saga Crepúsculo. En fin.
Podería dicir moitas máis cousas sobre isto, pero canto mais o penso menos sentido me ten. Co que si me gustaría rematar é cunha reflexion sobre a audiencia deste libro. É dicir, quen tiña pensado o autor que ían ser os compradores? Eu, como persoa que estudou lingua e literatura inglesas, non me fiaría dun libro tan curto cun título tan ambiguo (os conceptos “ler” e “libro” son problemáticos no ámbito, e cada día se complican máis e máis). Eu supoñería que a visión que presenta é simplista e, polo tanto, non me parecería un libro atractivo. Porén, agora que o lin, paréceme bastante escuro e en certo modo complexo para presentarllo a alguén sen coñecemento previo: os exemplos reflictidos son en ocasións nada ilustrativos do que se quere dicir, e alguns conceptos repítense unha e outra vez sen aclarar ben o que o autor entende por tal concepto ou de que teoría o sacou. Ademáis, presentar ideas sen introducir un marco teórico determinado… non sei. Non me convence.