Libro escueto, pero informativo. Ameno e quizais para todos os públicos; acaso a excepción dos últimos capítulos onde incide en cuestións de mestizaxe cultural indixena-romana e ábrese a unha linguaxe máis abstracta e formalista.
O libro fai un repaso de 1.500 anos aproximadamente. Comeza de maneira introdutoria na Idade do Bronce, facendo fincapé na súa cultura de élites guerreiras, mais rapidamente enlaza coa Idade do Ferro (vital na construción nacional da Galiza), na que aproveita para mencionar o resentimento económico e social que transformou ao noroeste peninsular nunha rexión máis atrasada e menos conectada comercialmente en comparación á maior puxanza da Idade do Bronce. Malia todo, a evolución orgánica das sociedades supuxo unha paulatina recomposición ao longo da segunda Idade do Ferro, en especial dende o século II a.C. O comercio reactivouse e o panorama galaico fragmentouse en diversas realidades; en primeiro lugar, as sociedades de casas, máis complexas e próximas á idea dun estado (citanias); en segundo lugar, a sociedades guerreiras, agrupadas entorno as gens aristocráticas; por último as sociedades agrarias, relegadas aos enclaves de difícil acceso e caracterizadas por unha tendencia ao igualitarismo. Sen dúbida, este mosaico rompe o mito de homoxeneidade galaica e pola súa contraparte complexiza o papel conquistador dos seus predecesores. Unha vez abeiraron os romanos nos limes da futura Gallaecia, optaron por un sometemento militar que deixou fóra da romanidade aos sometidos, ofrecéndoselles o tratamento xurídico de estranxeiros ou latinos (tras o Edicto de Vespasiano). Malia o que se pode interpretar, a excepción das fundacións ex-novas ou de focos de importancia no artellamento imperial (por exemplo Flavium Brigantium ou Lucus Augusti), os asentamentos indíxenas gozaban cunha gran autonomía dentro das fronteiras romanas sempre e cando non cargaran contra os intereses principais do imperio. Isto supuxo unha romanización bilateral, onde os conquistados tomaban un role activo que tendeu cara a amentada mestizaxe cultural. O proceso é similar ao ocorrido no resto de provincias do Imperio, máis cada unha influída polo autoctonismo particular da súa rexión. No caso galaico destaca a persistencia do material construtivo e das formas decorativas, o uso prolongado dos castros, o sincretismo de cultos relixiosos, a presenza de vestixios de linguas lusitanas e célticas ou mesmo a tenue conservación dun estilo e costumes social concreta, tal como o rexeitamento polos monumentos funerarios.
Malia todo, é indubidable que a romanización foi todo un éxito no noroeste peninsular pese á teoría dalgúns retractores (en especial dos séculos XIX e XX) que avogan por un pasado nacional castrexo.