Esta obra foi galardoada co Premio Anaya de Literatura Infantil, como non podía ser doutro xeito, e está destinada principalmente para maiores de 8 anos (iso quere dicir que se tedes 90 tamén a podedes e debedes ler, que todo o mundo lea esta obra, por favor!).
Como na meirande parte das historias infantís de Andrea Maceiras, nesta atopamos unha gran preocupación pola protección da natureza e unha gran sensibilidade ao expoñer temas como a deforestación ou a procura da identidade.
Nesta ocasión, a autora transpórtanos a Sat Naapa, un pequeno poboado situado entre dúas montañas asiáticas, moi preto dunha fermosa e frondosa selva. Alí, os seus habitantes viven en harmonía coa natureza, aínda que son testemuñas de como outros seres humanos explotan o lugar someténdoo a un turismo demasiado intenso ou perxudicándoo ao urbanizalo en demasía. Isto ensombrece as vidas de quen, coma Suy e Lawen (os protagonistas), ama a selva, porque, como se di no primeiro capítulo, "la riqueza de Sat Naapa se entiende solo con el corazón".
Suy é o narrador desta historia, un neno de dez anos de gran sensibilidade que soña, xunto coa súa xemelga Lawer, con atopar tesouros. Él ten alma de bolboreta🦋 e ela de elefante🐘, mais el envexa a sabedoría e a forza do segundo e non quere ser feble como as primeiras. Pola súa banda, Lawen é unha nena reservada e nerviosa a quen Suy debe coidar e protexer en todo momento.
Porén, todo cambia co achado dun elefante na selva. Ben, todo agás as súas almas, que a partir de entón comezarán a comprender mellor. Tras este encontro inesperado, os dous irmáns comezarán unha aventura para salvar o seu novo amigo dos seus "donos", que pretenden darlle morte para facer fortuna cos seus cairos.
Na súa viaxe deberán aprender a subsistir por si mesmos e afrontar moitos dos perigos aos que, por mor da cobicia e do egoísmo do ser humano, se ven expostos moitos outros animais. Con todo, coñecerán, así mesmo, a xenerosidade doutras persoas e descubrirán que tamén hai quen defende a natureza coma eles, tentando reparar o dano que outros lle infrinxen e evitar que continúen a destruíla.
Polo camiño asatarannos as dúbidas, o medo e a inseguridade, mais o refuxio segredo ao que se dirixen só pode ser atopado co corazón e, tanto Suy coma Lawen, teñen un valente e sensible co que loitarán ata o final para axudar o seu amigo.
Penso que esta é a novela de Andrea en que máis temas relacionados co medio ambiente se tratan. Como xa dixen, en case todas as súas obras infantís se defende o amor e o respecto pola natureza, pero nesta, ademais de aparecer temas xa presentes noutras das súas historias, atopamos outros novos que complementan os anteriores, Así, non só se nos fala de como os seres humanos somos a causa de que moitas especies estean en perigo de extinción ou de deforestación, senón tamén da caza furtiva, do maltrato animal, do sufrimento dos que viven en cautividade a pesar da súa natureza salvaxe ou de como se trafica con eles sen ter en conta o seu sufrimento ou as súas vidas.
Alén de todo isto, aparecen reflectidas moitísimas outras cuestións diferentes expostas en paralelo. Fálase das lendas e das tradicións de culturas distintas á nosa ao tempo que semellantes, dos roles de xénero, da amizade (entre seres humanos e entre estes e outros animais), da familia e especialmente do apoio entre irmáns.
Podería extender esta xa longa reseña moitísimo máis e aínda quedarían cuestións sen mencionar! Como en "Conta nove estrelas" e outras das obras de Andrea, hai tamén unha personaxe á que lle resulta difícil encaixar e que pouco a pouco vai atopando o seu lugar no mundo. Neste caso o papel corresponde a Lawen, quen, aínda que non se especifica en ningún momento, ten autismo.
E que dicir do final! Cargado de esperanza, coma sempre, fai que precises como mínimo a manga do xersei para secar as bágoas de emoción.