En plena crise persoal e económica, acentuada por un escuro asunto fraudulento do que foi vítima, decide aproveitar as vacacións de Nadal para descansar lonxe, nunha praia paradisíaca de Tailandia. Só para iso, para que as ameazadoras circunstancias que o abafan, un matrimonio fracasado, un negocio de antigüidades en decadencia, unha familia que lle reclama responsabilidades desmedidas e unha ansia de liberdade que xa parece ilusión va, queden un tempo á marxe e deixen albiscar un horizonte novo.
Mais, cando xa está a piques de volver para a casa, aos serios problemas do negocio familiar e á súa contraditoria vida sentimental súmaselle un acontecemento inesperado que vai complicar aínda máis a súa maltreita existencia.
Arousán por ascendencia paterna e compostelán por adopción, é profesor de lingua e literatura no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela, centro que dirixe desde hai anos. Colaborou en diferentes obras didácticas e en publicacións de carácter pedagóxico, así como en xornais e revistas do país. A súa dedicación á análise social e á promoción do idioma levouno a publicar "Língua e sociedade na Galiza" (1990), unha das obras de referencia obrigada na sociolingüística galega. Participou en política e formou parte do goberno municipal de Santiago ao longo de dous mandatos (1999-2007). Deuse a coñecer como novelista no ano 2010 con "Denso recendo a salgado". Seguírona Un dedo manchado de tinta (2011), Faneca Brava (2013) e Amor en alpargatas (2015). Con Lourenço, xograr obtivo o Premio García Barros en 2015 e en 2018 o Premio Blanco Amor coa obra "Por puntos" (2019). "Cadencias" é a súa sétima novela.
Engancha primeiro de xeito férreo, tensionado, e forma trepidante, para ir logo relaxando, largando corda e deixando ó lector nun prácido discorrer con algunha que outra pincelada de sobresalto. De tal xeito que o final non é máis ca un anexo aclarativo, necesario para a construción do esquema do libro e que o lector autointerprete que, agora si, chegou ó final.