En distintos momentos da historia a Bioloxía deixou unha profunda pegada sobre a humanidade. A aparición da teoría da evolución de Darwin, na metade do século pasado, e o espectacular desenvolvemento actual da Bioloxía molecular son, se cadra, os momentos senlleiros da relación entre a Bioloxía e os asuntos humanos. Distintos aspectos desta relación son abordados nos ensaios que compoñen este volume, desde a influencia da teoría da evolución sobre a concepción materialista da historia ata as implicacións éticas e sociais da terapia xénica e das técnicas de fecundación asistida. O denominador común é a crítica ao determinismo biolóxico, a ideoloxía consistente en considerar que as facultades, comportamentos e relacións sociais humanas están causados, de xeito practicamente determinante, polas características biolóxicas dos individuos, especialmente pola súa dotación xenética, sendo, en consecuencia, hereditarios.
Se cadra a conclusión máis importante que se pode extraer do libro é que a ciencia non é socialmente neutra. Está elaborada e concibida por seres humanos que forman parte da súa sociedade e que teñen crenzas e conviccións que orientan e condicionan o desenvolvemento das súas investigacións.
O libro consiste nunha colección de ensaios publicados na primeira metade da década dos noventa por Soutullo en diversas revistas: Inzar Razóns, Página abierta, Galiza en loita, Grial, Hacer e A nosa terra. Ao ser un recompilatorio, os artigos están dotados de certa heteroxeneidade, pero resumindo bastante, o que se pode ler aquí é o desenvolvemento da evolución darwiniana, a bioloxía molecular e o proxecto xenoma humano, e unha crítica ao determinismo biolóxico.
Algúns aspectos repítense entre uns artigos e outros, e igualmente hai cuestións ás que se lles nota o paso do tempo (o libro é de 1996), coma por exemplo o relativo ao proxecto xenoma humano, daquelas a medio percorrer e que xa hai anos que está rematado.
Con todo, é unha alegría poder atopar textos de divulgación científica desta calidade en galego. Soutullo resuta preciso á par que explicativo nos seus argumentos, leva a cabo un gran labor nas súas citas e resulta clarificador e enriquecedor. E nótase o moito que se preocupa polo controvertido aspecto ético da ciencia e a tecnoloxía.