O MEU LIBRO FAVORITO DA VIDA😍😍😍
"Que me pare o corazón se te esquezo" é unha historia escura que vos atrapará desde a primeira frase pola atmósfera de misterio, tensión e angustia que logra crear, mais tamén polos feitos que se narran nas primeiras páxinas. A obra comeza coa morte dunha das personaxes principais: Blue Shiva, unha das principais influencers no mundo dos retos virais. Nas redes sociais ninguén pode crer a nova e todos choran por ela a pesar de que poucos coñecían realmente a Siva, a rapaza que vivía tras a máscara de deusa que construíra para enfrontar o mundo.
A novela está narrada a través de dous puntos de vista. Un é o de Lúa, unha rapaza responsable, xusta e sensible que sufre pola súa xemelga Ada, que padece ansiedade e depresión. Tras a morte de Siva, Ada empeora notablemente, co que a irmá comeza a pescudar acerca da relación das dúas rapazas coa intención de axudala a saír do burato de angustia no que está atrapada. O seu camiño crúzase entón co de Gabriel, un amigo de Siva que afronta a súa perda ao tempo que tenta evitar que os seguidores da deusa de Internet tenten imitala nos seus perigosos retos. E é que Blue Shiva morre nas primeira páxinas, mais está moi presente en toda a novela, chegando incluso a xirar en torno a ela e a súa historia.
Son moitísimos os temas que trata. Non só se nos amosan os perigos das redes sociais, senón tamén o seu lado bo, porque, como Siva, todo nesta obra é sombrío, azul e misterioso, pero tamén luminoso e esperanzador. As redes sociais atrapan a moitas das personaxes na soidade, mais as axudan, así mesmo, a saír dela.
Alén disto, a saúde mental ten unha gran importancia. A través da personaxe de Ada vemos os abismos que envolven a moitas persoas e a necesidade de procurar axuda especializada. O apoio dos seres queridos é de vital importancia, mais o amor non soluciona todos os problemas.
Tamén se fala do acoso e das súas consecuencias, así como dos perigos dos retos virais, da morte, do sentido da vida, do autocoñecemento, da procura da identidade, do diferente...
Outra cuestión que penso que teño xa comentado por aquí sobre outros libros de Andrea Maceiras é todo o amor que hai neles, pois esta é unha historia escura, si, mais tamén hai estrelas que brillan no negro desta noite. Ao falar de amor non me refiro só ao romántico, senón tamén ás amizades e ao amor de irmás. Tal vez sexa en parte iso o que fai que cheguen tanto aos nosos corazóns. Nesta novela hai, ademais, parellas TAN monas! Pero é que TAN monas! (Perdoádeme a vea fan, pero é que me emociono😅💜). Poida que sexa un libro duro, mais os romances son preciosos e hai escenas moi "cozies". A forma na que se axudan unhas personaxes a outras e os lazos que as unen (sexan do tipo que sexan) fan que sexa imposible non querelas. Alén disto, hai representación lésbica e bisexual, o que sempre está ben.
É unha completa fantasía o ben que está construída a atmósfera. Non son só a historia e os segredos que oculta os que atrapan e transmiten a tensión da que vos falei. A ambientación contribúe notablemente. Nordestal constitúe unha personaxe máis. O mar axitado do seu paseo marítimo, o vento que azouta con forza o tétrico edificio a medio construír no que este remata, as nubes, a lúa... A primeira frase da novela di "Anoitecía en Nordestal" e é coma se a partir de aí non se volvese facer de día ata a luz que asoma, por fin, ao final.