A idea inicial da novela pareceume moi atractiva: partir dunha actividade manual como a calceta para descubrir un novo hobby formando así un espazo de encontro e unión entre mulleres moi distintas entre si. Mulleres que veñen de realidades completamente diferentes, tanto a nivel cultural como económico e social, e que cargan cada unha coa súa propia historia. Ese fío común resulta un dos puntos fortes do libro.
Porén, aínda que adoito gozar moito das novelas corais nas que cada capítulo está narrado por unha voz distinta, neste caso custoume conectar coa lectura. En máis dunha ocasión non tiña claro quen estaba a narrar ata ben avanzado o capítulo, e botei en falta algunha indicación máis explícita sobre a protagonista de cada parte. Iso fixo que o inicio se me fixese algo pesado.
Como é lóxico nunha historia con múltiples personaxes, houbo capítulos que me interesaron máis ca outros. No meu caso, os que máis me tocaron foron os de Luz, Elvira e Anxos, cuxas historias me resultaron especialmente próximas e emotivas.
A pesar dese arranque algo custoso, considero que é unha lectura interesante e entretida. Resulta chamativo que, sendo unha novela publicada en 2006, siga tendo hoxe unha vixencia tan clara e unha mensaxe perfectamente extrapolable á actualidade, por desgraza.
Como punto negativo destacaría a trama dos asasinatos/mortes, que non acabei de entender nin sentín ben desenvolvida, como se fose un elemento introducido sen rematar de encaixar no conxunto da historia.
En conxunto, O club da calceta é unha novela agradable, cun bo trasfondo feminista e unha proposta interesante, aínda que con algúns aspectos mellorables. A miña valoración final é de 3,5 ⭐.