Páxinas en branco, capítulos que faltan, unha lectora que se rebela, un escritor ansioso por escribir unha obra sublime, un periplo polo trasmundo interior, rebeldes contra a especulación urbanística e revolucionarios á busca do escritor, cartas a un escritor morto, a directora dunha editorial a quen non lle dan as contas, un pauto co demo, unha seita literaria que se rexe polo libro «De catro a catro»... «Etceteramente» é un disparate absoluto: indescritible, indefinible, inexplicable, imperdoable... Unha homenaxe ao poder creativo da literatura. Estamos ante un cóctel literario de preguntas: quen escribe?, quen le?, para que?, como?, que? «Etceteramente» é un artefacto inacabado que nunca terá un punto final porque continuará noutros libros escritos por outras escritoras e escritores e outras lectoras e lectores. Mais tamén encarna unha tristura e unha esperanza, a tristura dos solitarios que nos refuxiamos na literatura en busca dun acougo e a esperanza de que a literatura nos provexa dun fogar: un espazo de dúbida e contradición, de crítica, de reflexión, de rebeldía contra nada, de espellos rotos, unha ventá ao mundo... Un fogar de portas abertas.
Xosé Luís de Toro Santos, máis coñecido como Xelís de Toro, nado en Santiago de Compostela o 9 de outubro de 1962, é un escritor e artista multimedia.
O seu pai é de Formariz (provincia de Zamora) e a súa nai de Falapaso (Camboño, Lousame). Seu irmán, Suso de Toro, tamén é escritor.
É licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi lector de galego nas universidades de Birmingham (1991-93) e Oxford (1993-97). En 1990 fundou Edicións Positivas xunto con Paco Macías. Foi cantante do grupo Os Quinindiolas. Realizou performances multimedia con Terminal e O buscapeixe. Foi colaborador habitual de Vieiros e reside en Inglaterra, onde traballa como editor internacional freelance. Forma parte do proxecto Laboratoro, que mestura música improvisada, poesía e movemento.