“Memoria diversa", de Eva Mejuto, é un libro con vocación de continuidade que nace para recoller as voces do colectivo LGTBIQ+ de Galicia. As súas protagonistas son Laura Bugalho, Nacha María Sánchez, Fito Ferreiro Seoane, Braulio Vilariño, Carmen López Picón, Guillermina Domínguez Touriño, Itos Domínguez, Nanina Santos Castroviejo, Lois Diéguez Vázquez, Trinidad Falcés, Vicente Montoto e María Xosé Queizán.
Eva Mejuto é doutora en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela cun traballo sobre o realismo social no álbum ilustrado: Álbum testemuño: achegar a realidade ás crianzas. Traballou na editora Kalandraka ata 2004, en OQO Editora ata 2016. En 2017 coordina o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. En 2018 forma parte do proxecto "Capicúa de xestión cultural e proxectos".
A súa especialidade é a literatura infantil e xuvenil. Ten realizado cursos de formación sobre libro-álbum e exercido a docencia no Máster Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Participa habitualmente en encontros co alumnado dos colexios.
É autora de diversas adaptacións de contos tradicionais a álbums ilustrados, traducidos a máis de dez idiomas. En 2017 publicou 22 segundos, narrativa para adolescentes.
En 2019 publicou en Xerais Memorias do silencio, unha novela que se desenvolve en Galicia durante a Segunda guerra mundial.
Documento indispensable para recuperar e poñer en valor o percorrido LGTBI en Galicia nas voces das persoas que protagonizaron as primeiras manifestacións a prol da liberdade sexual. Unha xoia que descubre que hai algo máis próximo que Stonewall
vou ter presentes a estas persoas e os seus testemuños durante o resto da miña vida… que importante é poñer en valor ás persoas que loitaron polos nosos dereitos ❤️