Espíderman revela que a poesía toda do mundo vive no cotián. Que hai Entroido na morte. Melodía nun axóuxere. Respostas nun vaso de viño. E moitísima verdade nunha ficción. A poesía salva e protexe. E estas páxinas poden amosalo.
Lúa Mosquetera naceu en 1988 e estudou Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Publicou o seu primeiro poemario (autoeditado), Rasrás, en 2018, e desde entón participou en numerosos festivais recitando a súa poesía, sempre acompañada da guitarra do músico Mori4rty.
Destacan as súas intervencións no festival Elas Son Artistas, no Festival de Música e Artes Loro Facu ou no Festival Internacional de Poesía e Performance Kerouac.
Agora sei que aquela nena chorando con oito ou nove non era máis que eu viaxando no tempo. Só durante un intre. Miña nai xa morrera de cancro, eu xa tiña trinta anos, e acordamos vernos naquel día. O que dura un intento de chisqueiro. Un lume que non vai. Unha Luz que non acende.