O presente estudo reivindica para Bretaña, Esmeraldina a condición de obra central dentro do macrotexto da produción literaria de Méndez Ferrín e atribúelle tamén un papel especialmente relevante no contexto histórico da primeira Galicia autonómica, tanto no campo literario coma no político. O autor analiza con detalle a complexa estrutura da novela, cos seus niveis narrativos, rastrexando os modelos literarios que a conforman, para logo reflexionar sobre as diferentes poéticas que nela se a dun protagonista, Amaury, preso político bretón na cadea de Príncipe en Tagen Ata, que procura a identidade, a poética da lectura e da escritura (texto e entrelazo), a da ficción (espello) e a do regreso (espiral). Anxo Angueira remata facendo fincapé na importancia desta novela a respecto do nacemento do independentismo político, da vixencia da Nova Narrativa e dunha toma de posición en defensa da autonomía do campo literario como camiño para a consolidación da literatura galega como literatura nacional.
Anxo Angueira Viturro, nado en Manselle (Dodro) o 13 de xaneiro de 1961, é un filólogo, escritor e estudoso da literatura galega. É o actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, con sede na Casa Museo de Rosalía, desde o 1 de xuño de 2012.
Sempre vinculado ó seu concello natal, pasou dous anos da súa infancia en Asados (Rianxo), e realizou os estudos de bacharelato na vila veciña de Padrón. Foi no instituto onde tivo o primeiro contacto coa literatura galega da man do seu mestre de lingua castelá, Bernardino Graña. Gañou premios de poesía e narrativa cando era bacharel, en certames literarios celebrados no propio centro de ensino.
Despois destes primeiros anos de formación e concienciación, ingresa na Universidade de Santiago de Compostela, onde estuda Filoloxía Hispánica coa especialidade en lingua galega. Na época universitaria compaxinaba os estudos e o traballo, que tiña en Padrón, residindo na vila das Terras de Iria.
Unha vez concluídos os estudos universitarios comeza a impartir clases de lingua e literatura galegas no IES Meixoeiro e na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Reside na cidade olívica; está casado e ten dous fillos.
Publica diferentes ensaios e artigos de investigación literaria. Participa na fundación e na elaboración do manifesto das Redes Escarlata e colabora na publicación da CUT O Xornal e na revista A Trabe de Ouro. Foi coordinador do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que se celebra en Dodro. Durante o ano 2008 participou no espectáculo Rosalía 21, unha revisitación en clave de jazz da poesía de Rosalía de Castro, xunto ao pianista Abe Rábade e a cantante Guadi Galego.
No ano 2012 presenta a súa candidatura á presidencia da Fundación Rosalía, candidatura única e consensual, despois de que se producise a dimisión de Helena Villar Janeiro o 13 de abril, motivada por un desacordo na aprobación dos orzamentos dese ano. Dende xuño de 2012 ostenta o cargo de presidente da Fundación Rosalía de Castro.