Con 96 anos, publicaba un novo libro unha das voces máis importantes da poesía galega das últimas décadas. En 'Pazo de Tor', Luz Pozo Garza viaxa ás orixes familiares dos Garza, situados neste magnífico edificio barroco enclavado nun lugar privilexiado do val de Lemos (Monforte-Lugo). Inspirándose neste espazo histórico e xeográfico, a poeta compón trinta poemas nos que, unha vez máis, amosa a capacidade da súa pluma excepcional, fóra de calqueira época ou moda. O coidado da edición corre a cargo da profesora Carmen Blanco, especialista na poeta, mentres que o limiar está asinado polo escritor, editor e presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. “O lector debe entrar no verso deixándose levar”, escribe Freixanes, “descalzo, espido de precaucións e entregado a cada paso que, lentamente, nos leva pola escada da luz, como os místicos antigos, como os pitagóricos, cara o non nomeado». Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922- A Coruña, 2020) iniciou a súa obra poética en galego en 1952 coa publicación de O paxaro na boca, un libro ao que seguirían outros títulos como Últimas palabras / verbas derradeiras (1976), Códice Calixtino (1986), A vida secreta de Rosalía (1996) ou Rosa tántrica (Alvarellos Editora, 2016). Membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao, Membro Honorario da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en 2013 foi galardonada co Premio da Cultura Galega e en novembro de 2018 foi nomeada Filla Adoptiva de Viveiro. Os seus versos foron traducidos ao portugués, catalán, francés, inglés, alemán, húngaro, ruso ou xaponés.
Luz Pozo Garza, nada en Ribadeo o 21 de xullo de 1922, é unha poeta galega e membro da Real Academia Galega.
Con catorce anos, por mor da Guerra civil española e da persecución da que foi obxecto seu pai, trasladouse coa súa familia primeiramente a Lugo e, logo, a Larache (Marrocos). De volta en Galicia, instalouse en Viveiro. Ten estudos musicais que deixarán unha singular pegada na súa poética, estudos de maxisterio e de filoloxía románica. Posteriormente desenvolveu en Vigo unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario, xubilándose en 1987 no Instituto de Nigrán. Entre 1975 e 1976 codirixiu a revista Nordés xunto a Tomás Barros. Promoveu tamén a creación da revista Clave Orión.
É membro da Real Academia Galega dende o 29 de novembro de 1996. O seu discurso de ingreso na RAG titulouse Diálogos con Rosalía e foi respondido por Xesús Alonso Montero.
Luz Pozo Garza é, segundo Rosario Álvarez "unha voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca (1952), que inaugurou a colección Xistral". Na súa obra posterior Luz Pozo achega unha poesía inzada de sensualidade e profunda, na cal o amor, a inquedanza existencial, a patria, a liberdade e mesmo a morte se entrecruzan compondo textos de sublime autenticidade e madurez.